Consigue que o teu contido fale o idioma da túa audiencia coa fluidez que se merece
Tradución técnica e creativa
Tes algún proxecto de tradución importante e buscas unha profesional que cumpra contigo e non te defraude? Confía en min, sei o que fago e fago o que digo.
Creo no traballo ben feito e a calidade sobre todas as cousas
O primeiro que debes saber é que nunca aceptarei encargos para os que considere que non estou cualificada. A honestidade é primordial para min e nunca porei en xogo a miña credibilidade profesional por diñeiro. Tamén creo no traballo ben feito e a calidade sobre todas as cousas.
Son unha tradutora autoesixente, meticulosa e perfeccionista. E, aínda que a perfección en tradución non existe, sempre procuro que os meus traballos se acheguen o máximo posible a ela. Se me dás a oportunidade, os teus proxectos desenvolveranse de acordo con estritos estándares de calidade e puntualidade.
O segundo que quero que saibas é que sempre me terás ao teu lado a golpe de teléfono ou correo electrónico (preferiblemente!). Procuro que as comunicacións comigo sexan —na medida do posible— áxiles, sinxelas e rápidas. Aínda que traballo soa na miña oficina, gústame pensar que formo parte dun equipo e, se xorde algún imprevisto, arrimo o ombreiro coma a que máis. Asumo responsabilidades, tomo a iniciativa e intento achegar solucións. Para min, os clientes son o máis importante e intento coidalos o mellor que podo.
Os meus principios no traballo
Seriedade
Non deixo os meus clientes na estacada.
Fiabilidade
Son unha profesional de garantías.
Rigor
Documéntome de xeito exhaustivo para cada proxecto.
Puntualidade
Entrego no prazo acordado.
Calidade
Busco sempre un resultado óptimo.
Proactividade
Anticípome e actúo.
Tradución técnica: precisión en manuais e documentos especializados
Manuais de instrucións, manuais de usuario, guías de uso, instrucións de montaxe, protocolos de seguridade, procedementos operativos, fichas técnicas, informática e localización de soportes lóxicos, interfaces de usuario, especificacións técnicas, catálogos de produtos…
Como sabes, estes documentos adoitan conter unha gran cantidade de terminoloxía ou xerga específica dun sector. Ademais, trátase de contido obxectivo que debe trasladarse estritamente dun idioma a outro sen dar lugar a interpretacións. Estas traducións non só deben ser fieis ao sentido orixinal, senón tamén precisas dende o punto de vista terminolóxico. Por tanto, a rigorosidade, a exactitude e a coherencia son imprescindibles nestes encargos.
O meu traballo aquí levarame a familiarizarme co sector, a súa terminoloxía e o público destinatario para, a continuación, documentarme e traducir utilizando equivalentes exactos. A dispoñibilidade dun glosario aprobado polo cliente e o acceso a algún experto na materia serán tamén de grande axuda para optimizar o proceso de tradución e a calidade do resultado final.
Tradución creativa: captura a esencia da túa mensaxe
Páxinas web, material publicitario (anuncios, folletos, redes sociais), campañas de márketing, turismo e viaxes, artigos de divulgación, comunicación corporativa, descricións de produtos e servizos, cursos de aprendizaxe virtual, presentacións para clientes…
A diferenza da tradución técnica, cuxo obxectivo é a transmisión obxectiva de información, a finalidade da tradución creativa é lograr no público de destino a mesma reacción e os mesmos sentimentos que provoca a mensaxe orixinal. Trátase, por tanto, dunha transferencia de impactos máis que de mensaxes lingüísticas entre dous idiomas e culturas diferentes.
A tradución creativa é máis libre e permite deixar voar a imaxinación (en maior ou menor medida en función do proxecto, claro está!). Nela, non se busca tanto a fidelidade ao texto orixinal como o efecto, de xeito que non é estraño engadir, mover ou mesmo eliminar información.
O meu labor aquí será adaptar o propósito, o estilo e o ton da mensaxe orixinal tendo en conta os aspectos culturais propios do galego ou o español para transmitir a idea inicial da maneira máis natural posible para o destinatario. Por iso, se precisas unha tradución con fins publicitarios, comerciais ou de divulgación e queres que teña a forza dunha creación orixinal, este é o teu sitio.
Postedición e revisión
A demanda do servizo de postedición está en auxe. Son moitas as empresas e as axencias de tradución que empregan internamente a tradución automática ou a ofrecen como servizo aos seus clientes. Non vou negar que os motores neuronais ben adestrados poden ofrecer resultados bastante bos para postedición nin que os tempos de produción se acurtan con respecto a unha tradución dende cero.
Con todo, non contes comigo se o que queres é aforrar custos xeneralizando a postedición alí onde non é viable ou pretendendo equiparala a unha revisión. Partindo desa premisa, estou á túa disposición para traballar en encargos de postedición nos que non só obterás unha calidade idéntica á humana, senón que lograrás axilizar os teus proxectos e fidelizar a grandes clientes.
Atendendo á norma ISO 17100, todo servizo de tradución ten que incluír, como mínimo, tradución primeiro e revisión a cargo dunha persoa diferente do tradutor despois. Se precisas unha persoa que examine a túa tradución respecto da súa adecuación á finalidade prevista, que cotexe os textos de orixe e de destino, e que recomende correccións oportunas, aquí me tes. Así mesmo, podo corrixir a ortografía, a gramática e o estilo de calquera contido ou documento que queiras publicar en galego ou español.