Axudaranche a saber máis do meu traballo
Preguntas frecuentes
Quero encargar unha tradución xurada, que teño que facer?
En primeiro lugar, preciso que me envíes a documentación que queres traducir a través do formulario en liña. No caso de que sexan documentos en formato papel, terás que escanealos correctamente. Non esquezas incluír tamén os teus datos de contacto (nome, enderezo, correo electrónico e teléfono).
Unha vez que reciba esta información, facilitareiche un orzamento sen compromiso e o prazo de entrega correspondente. Nese momento, dependerá de ti aceptalo para dar luz verde ao proxecto.
Podes facilitarme un orzamento sen que che envíe a documentación?
Non, síntoo. Cada proxecto de tradución é un mundo e para a súa valoración debo analizar de antemán os documentos. Ten en conta que os orzamentos son totalmente gratuítos e sen compromiso.
Ademais, calquera documento ou información que envíes tratarase de maneira confidencial e no estrito cumprimento da lexislación vixente en materia de protección de datos.
Canto tardas en facer unha tradución?
Pois depende da dificultade do texto, o formato do documento, a extensión e a carga de traballo que teña nese momento. Alén diso, a modo de referencia, un tradutor profesional traduce unha media de 2500-3000 palabras ao día.
En calquera caso, no orzamento personalizado que envío a cada cliente sempre indico unha data de entrega prevista.
Que inclúes no teu orzamento sen compromiso e canto tardas en elaboralo?
Os meus orzamentos son pechados, sen cargos adicionais nin ocultos. Mentres non alteres as especificacións do teu pedido, o orzamento non mudará.
Consulto o correo electrónico permanentemente dentro do meu horario laboral, polo que adoito contestar calquera solicitude de orzamento no propio día (salvo causa de forza maior!).
Necesito unha tradución, pero non sei se ten que ser xurada ou non. Que fago?
Máis vale previr que lamentar! O mellor é que te poñas en contacto co organismo pertinente para que cho aclare. Os tradutores xurados non temos competencia ningunha para decidir que traducións deben ser xuradas e cales non.
Ademais, se se trata dunha tradución xurada que vas presentar no estranxeiro, convén que te asegures de que a institución receptora a vai a aceptar. Non esquezas que o carácter oficial das nosas traducións xuradas unicamente está recoñecido en España.
Como expides as traducións xuradas?
As traducións xuradas adoitan expedirse en formato papel, polo que é necesario empregar correo postal ou mensaxería para envialas (sempre que a entrega en man non sexa posible). Segundo a miña experiencia, o envío urxente ou certificado funciona estupendamente.
Outra opción é a expedición da tradución en formato electrónico (.pdf) con firma dixital. Dende o xurdimento da COVID-19, o MAEC autorízanos a expedir traducións xuradas certificadas coa nosa firma electrónica. Por iso, só tes que indicar que formato (papel ou dixital) se axusta mellor ás túas necesidades.
Somos unha empresa e interésannos os teus servizos, pero queremos ver o teu currículo…
Ningún problema. Estarei encantada de enviar o meu currículo actualizado a calquera empresa que mo solicite a través do formulario de contacto.